The James Carter Quintet - Festival de Jazz de Pontevedra 2010

XVIII FESTIVAL DE JAZZ DE PONTEVEDRA (22/07/10)



Tendo en conta os eloxios que o enérxico saxofonista estadounidense James Carter
acadou nas últimas dúas décadas polo seu papel de impulsor cara ao futuro do jazz,
sorprende descubrir que, en primeiro lugar, acaba de cumprir corenta anos, e, en segundo
lugar, o seu contemporáneo concepto do jazz continúa alimentándose dun tremendo
respecto e un íntimo coñecemento da tradición.
Nacido en Detroit, pero criado musicalmente en Nova York, empezou a destacar a
principios dos noventa. Entre as súas influencias máis salientables na súa mocidade, el
mesmo sinalou a Duke Ellington e Billie Holiday.
Os seus primeiros discos en solitario datan de 1993 (JC on the Set) e 1994 (Jurassic
Classics). Curiosamente foron primeiro lanzados en Xapón e posteriormente distribuídos
en Estados Unidos. O seu éxito foi tal, que a publicación “All Music Guide to Jazz”
proclamou o potencial ilimitado de Carter referíndose a el como un dos futuros xigantes do
jazz. A partir de 1994, xa na discográfica Atlantic Jazz, gravou unha serie de soberbios
álbums, empezando polo seu disco de baladas “The Real Quietstorm”, unha xoia inspirada
na cara B do disco de Charlie Parker “Bird Symbols”. En 1995, a revista Rolling Stone
empezouse a fixar nel sinalándolle como un músico “carismático” e “prometedor” a quen
debería seguírselle a pista. Uns anos máis tarde, coincidindo cos seus dous lanzamentos
en 2000, a mesma revista confirmou que se cumpriran con el todas as expectativas. Estas
gravacións tituláronse “Layin'in the Cut” (o seu primeiro álbum acompañado por unha
banda totalmente eléctrica) e “Chasin' the Gypsy” inspirado na figura do mítico guitarrista
Django Reinhardt. En 2002, agora coa discográfica Columbia Records, lanzou ao
mercado un novo disco de baladas titulado “Gardenias for Lady Day”.
Foi bendicido con magníficas críticas en numerosas ocasións pola Biblia das publicacións
sobre música jazz, a revista DownBeat, onde se lle cualificou como un dos mellores
músicos actuais neste estilo. Ademais, polo seu compromiso social co impulso da cultura
afroamericana, foi galardoado en 2002 co premio “Dr. Alaine Locke” pola súa conduta
exemplar e o seu liderado nese empeño.
Co seu último traballo “Present Tense”, de novo este mozo veterano demostra por que está
considerado un dos máis preeminentes músicos da súa xeración. O disco é un conxunto
de dez cancións que, partindo de estándares do jazz, son dotadas de novas bases rítmicas
(por exemplo, “Song of Delilah” de Victor Young, que recibe un tratamento baseado no hip
hop ou “Bossa J.C.”, con influencias de música brasileira).
“Titulei este álbum “Present Tense” porque reflicte onde me atopo neste momento”, dixo
Carter, quen toca tres tipos distintos de saxo (soprano, tenor e barítono), pero tamén a
frauta e o clarinete: “Isto é o que agora me atrae. Sempre fun un pouco ecléctico, pero o
estilo destas pezas é moi diverso, e ademais dotei a este álbum de máis lirismo e máis
concisión, tratando de evitar pezas de dez ou once minutos de duración. Algunhas das
súas cancións roldan os catro minutos”.
Para a gravación rodeouse dun magnífico grupo, un cuarteto composto polo trompetista
Dwight Adams, o pianista D.D. Jackson, o baixista James Genus e o batería Victor Lewis.
Ademais, participaron o guitarrista Rodney Jones e o percusionista Eli Fountain.

Texto: http://www.jazzpontevedra.com
Fotos: xacobe.casal@gmail.com

No hay comentarios:

Publicar un comentario