Madeleine Peyroux - Festival de Jazz de Pontevedra 2010

XVIII FESTIVAL DE JAZZ DE PONTEVEDRA (23/07/10)



Naceu en Athens (Xeorxia, USA), e creceu entre Brooklyn, o Sur de California e París,
aínda que foi nesta última cidade onde atopou a súa voz. Sendo adolescente atraeulle a música na rúa e en 1989 empezou a tocar cun grupo deste tipo. Posteriormente, uniuse aos “Lost Wandering Blues & Jazz Band”, dos que era a única moza, realizando xiras por toda Europa durante varios anos.
Debutou na escena discográfica en 1996 cun sorprendente primeiro álbum titulado
“Dreamland”, que foi agasallado cun interminable torrente de magníficas críticas,
entusiasmadas coa súa voz profunda de “tabaco e whisky”, o que fixo que fose comparada con frecuencia coa gran Billie Holiday. Ademais, os críticos mostráronse sorprendidos co feito de que unha moza tan nova puidese interpretar cancións da mesma Holiday, pero tamén doutras fantásticas cantantes como Bessie Smith ou Patsy Cline, facéndoas súas dun xeito tan convincente. A revista “Time” chegou a dicir deste disco de debut que se trataba do “máis excitante traballo dunha cantante novel” nese ano.
De súpeto, atopouse no camiño máis directo á fama, formando parte de carteis de numerosos festivais de jazz e realizando xiras como teloneira de Sarah McLachlan e
Cesaria Evora, e vendendo a asombrosa cifra de 200.000 copias de “Dreamland” en todo o mundo. “Foi fantástico”, di Madeleine, “cantei con fantásticos músicos, vin a Nina Simone en directo e podería continuar nesa liña, pero, non obstante, preferín dar un paso atrás e facer unha pausa”.
“Careless Love”, para a discográfica Rouder Records, foi lanzado en 2004, oito anos
despois de “Dreamland”. Pódese dicir que unha pausa de oito anos entre un disco de
debut e un segundo álbum non é algo típico nunha carreira musical, pero Madeleine
Peyroux non é unha artista ao uso. Producido por Larry Klein (quen xa traballara con Joni Mitchell ou Shawn Colvin), este disco contiña cancións tan antigas como algunha que xa fora interpretada por Bessie Smith nos anos 20, outras máis recentes como “Between the Bars” de Elliott Smith e ata algunhas tan diversas como “Weary Blues” de Hank Williams ou “Dance me to the end of love” de Leonard Cohen.
Entre ambos os discos, Madeleine estivo moito tempo apartada do público, pero nunca
deixou de cantar, volvendo mesmo ás súas orixes, cantando en actuacións na rúa e en
clubs por todo o mundo, desde Os Ánxeles, Nova Orleáns ou Nova York, ata case toda
Europa Occidental.
Con “Careless Love”, Madeleine Peyroux volveu ter un enorme éxito de crítica e público en todo o mundo.
De novo con Larry Klein como produtor, Madeleine lanzou en 2006 “Half the Perfect
World”, un disco que, continuando coa liña marcada polo seu anterior traballo e
profundando nela, contiña un extenso catálogo de pezas de grandes compositores,
incluíndo algunha escrita por ela mesma.
Xa en 2009 lanzou o seu último traballo “Bare Bones”, que é á vez tanto unha continuación dos seus dous anteriores álbums como un intrépido paso adiante en terreos inexplorados.
O seu produtor foi novamente Larry Klein.

Texto: http://www.jazzpontevedra.com
Fotos: xacobe.casal@gmail.com

No hay comentarios:

Publicar un comentario